20/4/08

O Parque Escultórico da Torre de Hércules (A Coruña)

Co gallo da celebración do bicentenario da reedificación da Torre de Hércules, en 1991 abordouse un completo proxecto de restauración do edificio romano. Posteriormente e para mellorar o espazo circundante, desenvolveuse unha actuación cualificada de “interese cultural” que consistiu na colocación de 14 obras escultóricas encargadas a 15 artistas. As esculturas foron deseñadas para a súa ubicación.

O conxunto das obras están determinadas pola historia da Coruña, polo foro romano, pola lenda de Hércules e pola mitoloxía grecolatina e galega: Ártabros (poboadores castrexos da bisbarra), Gardiáns (que simbolizan aos tres Xerións), a Rosa dos Ventos (a harmonía entre as culturas atlánticas), Guerreiro Celta (Breogán, fundador da Coruña e fillo de Ith), a Caracola (harmonía entre o mar, a terra e o aire) os Mehires (pedras fitas que dialogan entre a terra e o ceo), a Copa do Sol (cáliz solar que levou a Hércules desde Grecia a Brigantia), Hércules na nave dos Argonautas, o Ara Solis, o Combate (loita entre Hércules e Xerión), o Menhir Pentacefálico, Caronte, a Guitarra, as Portas da Torre (todo mitoloxía).

As Portas
Obras de
Paco Leiro, o noso escultor máis internacional, son uns grandes baixo relevos en bronce que representan diversos momentos das lendas e da historia da Torre. Son as primeiras portas-esculturas de Galicia. Anos despois Leiro faría en madeira a porta santa da Catedral. Nun principio Leiro rexeitou o encargo por entender que o van non era o suficientemente grande para desenvolver o seu traballo.

A Guitarra
O obra de
Pablo Serrano é unha homenaxe a Pablo Picasso, quen se iniciara nos estudos artísticos na Coruña e que mesmo pintara a Torre. Picasso pasou catro anos na Coruña

Caronte
Figura de
Ramón Conde caracterizada pola súa rotundidade formal, pola contundencia do seu volume, pola ausencia doe ocos. Escultura en bronce fundida “á area”. Caronte recibe aos visitantes nunha actitude protectora e de guía.


Breogán
Xosé Cid fixo un gran guerreiro para ser colocado na rotonda que da acceso á Torre. Unha mole maciza de pedra lixeiramente desbastada con formas anatómicas lixeiramente suxestionadas. A figura vai encastrada sobre unha gran base de formigón

Caracola
Realizada sobre aceiro cortén e formigón esta obra de
Moncho Amigo foi situada no extremo de Punta Herminia e de costas ao mar. Poden ser múltiples os significados dunha caracola, dun obxecto tanto natural como fantástico. É unha gran mole de máis de sete mil quilogramos de peso.

A Copa do Sol
Pepe Galán realizou esta obra en aceiro cortén, alude á nave na que Hércules quixo cruzar os mares para cumprir a orde de Euriteo de levarlle os bois de Eritia. O autor que se iniciou no eido artístico coa pintura, escolleu o aceiro por garantir a contundencia nas formas e a continuidade no tempo.

Hércules na nave dos Argonautas
O desgraciadamente finado en plena madurez creativa, Gonzalo Viana ubicou a Hércules nun extremo da península da Torre, quedando recortada a escultura sobre o mar. Hércules, só axeonllado na nave. É un heroe mariñeiro que navega ata Brigantium para quedarse. Realizouse sobre catro bloques graníticos.

Menhires
As ducia de pedras fitas realizadas por
Manolo Paz están situadas formando un círculo, indicando os putos cardinais. Son uns menhires de gran pureza formal, de manifesta atemporalidade pero que están realizadas en varios bloques para permitir a realización das súas xanelas interiores.

Gardiáns: Soledad Penalta inspirouse na idea de Hércules como gardián da historia.
Ara Solis:
Silverio Rivas traballou con contundencia nos bloques de granito para facer un conxunto que alude ao concepto de porta.
Rosa dos Ventos: Correa Corredoira fixo un espazo para ser habitado, un espazo público e útil cos 32 rumbos do horizonte.
Menhir pentacefálico: Ramón Miranda realiza nunha columna de bronce toda unha lección de historia, simbolismo e mitoloxía.
Ártabros:
Arturo Andrade con tres figuras en granito e bronce represéntase todo o pobo prerromano dos ártabros.
Combate entre Hércules e Xerión: Tim Behrens e Xosé Espona realizaron un labirinto en material cerámico.