8/10/12

Calzadas romanas na Gallaecia: A Vía Nova ou XVIII


Unha das características máis salientables da arte romana foi o seu carácter práctico polo que en moitas ocasión temos que falar de enxeñería romana máis ca de arte romana. Un deses exemplos son as vías e calzadas empregadas para dar unidade ao xa creado imperio (finais do século I a.C.), facilitar a ocupación e explotación do territorio así como a de garantir a mobilidade das tropas, persoas e mercadorías.

Neste senso é imprescindible lembrar que o foi primeiro emperador, Augusto (62 a.C.-14 d.C.) quen creou un corpo funcionarial para acadar eses obxectivos. Así naceu o Cursus Publicus que chegaría a organizar unha rede de máis de 120.000 quilómetros de viarios estatais.

A importancia do coñecemento sobre as vías romanas nun territorio determinado é moi salientable xa que permite coñecer as relacións establecidas entre o pobo conquistador e o indíxena.

Maioritariamente en Gallaecia, os núcleos de poboación desenvolvéronse ao longo das vías romanas xa que estas establecían, ou mantiñan, as ligazóns económicas entre distintas áreas. A través destas rotas terrestres facilitarase o comercio, o movemento de persoas e, mesmo, a penetración da nova lingua. Ademais as vías romanas foron imprescindibles para a explotación dos recursos minerais do noroeste peninsular, onde, por certo, seguise o modelo de Agripa nas Galias ao aproveitar e reutilizar camiños xa existentes na época prerromana.

Para coñecer  os percorridos das vías romanas na Gallaecia a fonte clásica máis sobranceira é o famoso Itinerario de Antonino, escrito na época de Caracalla (197-217 d.C.) aínda que a versión coñecida probablemente sexa do século IV. No Itinerario fálase de 372 vías terrestres, das que 34 estarían situadas na Península Ibérica  e desas, só tres percorrerían o territorio da actual Galicia. Ademais o Itinerario facilita a lonxitude de cada calzada, as distancias intermedias en millas así como as mansións de cada vía.

As vías de Gallaecia eran a XVIII de Braga a Astorga, a XIX de Braga a Lugo e a XX de Braga a Astorga pola costa (“per loca marítima”). Hai outras fontes de menor importancia e máis serodias que permiten coñecer un pouco máis estas rutas.


Máis ou menos cada 20 quilómetros existía unha mansión como lugar de descanso, para relevar os correos, cambiar carruaxes e bestas de tiro e que tamén servían como hospedase. Na nosa vía XVIII coñecemos a existencia das seguintes mansións: Aquis Originis, Aquis Querquernis (da que INICIARTE xa vos informou hai algún tempo tanto pola súa protección como por novos achádegos), Geminas, Salientibus, Praesidio, Nemetobriga, Foro ou Gemestario.

A calzada XVIII, segundo os datos cronolóxicos que facilitan os miliarios desta vía, sabemos que a súa construción data do 80 d.C., baixo os emperadores Tito e Domiciano mais fora mandada construír polo pai de ambos, o emperador Vespasiano. Nos miliarios figura como vía nova, porque foi a máis serodia das vías citadas no Itinerario, xa que as outras deberon rematarse a mediados do século I. A obra foi inaugurada por Caio Calpetano Rantio Quirinal Valerio.

Nas seguintes fotos podedes apreciar a situación actual da Aquis Originis en Baños de Riocaldo (Lobios, Ourense). Nesta aldea existen restos arqueolóxicos e termas que aproveitan as ricas e quentes augas suslfurosas. Estaba situada a unhas 39 millas de Braga, a capital do convento xurídico. Os romanos tiveron unha certa predilección por facer estes lugares de repouso onde houbera a posibilidade de gozar de augas termais como se dan nesta zona de Ourense. Apreciade o semirestaurado hipocausto, é dicir, o sistema de calefacción (forno de combustión lenta situado no exterior da edificación.


Para informar aos usuarios dunha vía, eran colocados os miliarios: pezas graníticas de base cúbica ou cadrada onde se sinalaban as distancias en millas desde o lugar onde estaban situados ata o inicio e remate da vía así, ás veces, ás mansións máis próximas. Tamén recollían a milla, o nome do emperador, o legado imperial ou nome dos maxistrados, ou do cónsul, na época do cal se construía a calzada.

Os especialistas en epigrafía infórmannos dos tipos epigráficos empregados, coas peculiaridades da Gallaecia. Ao longo da calzada aínda permanecen en pé varios destes miliarios, destacando os nove atopados en Portela do Home, no paso obrigado polas montañas do Xurés ou Géres, na actual zona do Parque Nacional do Xurés.  Tal cantidade de miliarios xuntos fan pensar na posibilidade de que estiveran almacenados neste lugar. Nun destes miliarios indícanse as reparacións realizadas en "vias et pontes temporis vetustate conlapsos restituerunt”. Tamén neste mesmo lugar pódese apreciar un tramo da calzada reedificado non hai moitos, e non sen certa polémica, e que non conserva o ancho orixinal da vía.

  
Tamén neste mesmo lugar pódese apreciar un tramo da calzada reedificado non hai moitos, e non sen certa polémica, e que non conserva o ancho orixinal da vía.



Na beira portuguesa do parque tamén podemos atopar varios miliario con evidentes restos epigráficos:


O mapa procede de: J. M. Caamaño Gesto. As vías romanas. En Galicia. Historia. Tomo I. A Coruña, Hércules, 1993.
Fotos: INICIARTE.