8/12/14

Santa María do Azogue de Betanzos (A Coruña)


Levantada na segunda metade do século XIV e a inicios do XV. Fernán Pérez de Andrade, O Boo mandou levantar, na segunda metade do XIV, as tres capelas absidiais, como o acredita o porco e un escudo cunha lenda relativa ao acontecemento que se pode ver na enxoita do arco triunfal. O seu sucesor, Fernán Pérez O Mozo, completouna no século seguinte ademais de facer doazón do retablo máis antigo. Foi consagrada, tal como di unha borrosa inscrición da fachada en 1447 xunto co seu cemiterio. Este Andrade estaba casado cunha Moscoso polo que os emblemas de ámbalas dúas familias pódense ver por todo o interior do  templo. Foi declarada Monumento Nacional en 1944.

Ten planta basilical, tres naves, máis ancha a central cas laterais, con cuberta de madeira a dúas augas. Ten tres capelas absidais, sendo a maior heptagonal e as laterais cuadrangulares, tendo todas bóveda de cruzaría. Esta igrexa substituíu a outra anterior románica.

Os piares, que repousan sobre un pedestal, teñen semicolumnas pegadas e dividen ao templo en catro tramos. Os arcos transversais descansan sobre tres semicolumnas. Os capiteis do interior presentan reminiscencias románicas, con diversas escenas animadas e motivos vexetais máis ou menos estilizados.

Da acceso á capela maior un arco triunfal apuntado, con baquetóns no intradós, decorado ase mesmo con flores ou cabezas de clavo e botón florais. Esta capela conta columnas acubilladas que sosteñen a bóveda, unidas na súa metade por unha imposta. Está iluminada por dúas xanelas circulares con rosetón, ademais de dúas longas aberturas con parteluz e óculo na enxoita, se ben están cegadas desde mediados do XVIII cando foi erixido o actual retablo.

As capelas laterais teñen acceso de arco apuntado. A igrexa ten un coro sostido por un arco rebaixado na nave central  e por arcos apuntados nas laterais, aínda que na actualidade estes xa non sosteñen nada. Son góticos e están decorados con anxos e outras figuras mais probablemente non fora ese o seu lugar orixinal.

A portada principal está lixeira saínte con respecto á fachada ten unha ampla porta  protexida por un gran arco de medio punto decorado con arquiños. As arquivolta son apuntadas can variados motivos xeométricos e vexetais así como 22 figuras humanas que poderían representar o xuízo final. No tímpano tamén é de salientar a presenza dunha Epifanía e dunha Anunciación. Oito columnas acubilladas con escenas nos seus capiteis de estética románica e nos lenzos paralelos hai decoración con castelos, gabletes e arcos lobulados, todos en baixo relevo.

A porta lateral norte, tapiada, presenta no tímpano un xuízo final moi sumario: san Miguel sostén unha balanza con dúas cabezas humanas en senllos pratiños, mentres  un demo intenta presionar para inclinar a balanza ao seu favor, impedíndoo o arcanxo co extremo inferior da súa longa cruz. Hai unha figura no chan. Catro columnas acubilladas con decoración vexetal esquemática nos seus capiteis completan esta portadas.

A porta lateral sur ten arquivoltas lobuladas con catro columnas acubilladas con capiteis de motivos semellantes e no tímpano hai tres cruces, as laterais de lazo. Estas dúas portas laterais son apuntadas.

Catro xanelas con parteluz iluminan o templo, así como outras máis recentes iluminan a capela maior e outra a capela do Evanxeo.

Esta igrexa chámase “do Azogue” en lembranza do mercado que tivo ao seu carón tempos atrás. Outra versión afirma que é por unha minas que houbo nese lugar. A Virxe á que está adicada o templo foi declarada copatrona da cidade de Betanzos en tempos do Nacional-catolicismo, o 3 de agosto de 1954 nun pleno do municipio.

Fontes documentais:
 “Betanzos” na Gran Enciclopedia Galega”, T-3.
Ponce Couce e Sánchez García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.

Fotos: INICIARTE.