1/10/15

Tesouros dos Atenienses en Delfos


Subindo a Vía Sacra de Delfos, e xa dentro do “Témenos” ou recinto sagrado, nunha curva ben empinada xurde maxestoso o Tesouro dos Atenienses.

Debo aclarar que o concepto de “tesouro” na Antiga Grecia alude a pequenos edificios, construídos en santuarios, con forma de templo, como ofrenda dunha pole para gardar os exvotos ofrecidos. Neste caso o inefable Pausanias afirma que foi levantado cara ao ano 490 a.C. con tan só a décima parte do botín conseguido na batalla de Maratón. Xa que logo, estamos diante do tesouro ofrecido por Atenas ao santuario de Delfos. 

Foi a primeira edificación atopada nas escavacións arqueolóxicas de 1893, sendo reconstruído entre 1903 e 1906 por conta da cidade e levada a cabo por arqueólogos franceses.

Parece ser que foi levantado no mesmo lugar onde xa houbera outro destruído por un incendio. Posteriormente e segundo Herodoto (V, 62) os Alcmeónidas, unha nobre familia ateniense exilada por Pisístrato, emprenderon a súa reconstrución e aínda que o contrato dicía que debería construírse enteiramente en caliza (poros), empregouse mçarmaore de Paros àra a fachada. Mais esta edificación temén foi destruída, neste caso por un terremoto.

Feito con mármore de Paros é de orde dórica con dúas columnas in antis e mide 6,6m X 9,7m. Consta de naos e pronaos. Este tesouro supón unha parte fundamental do santuario de Delfos, xa que é o exemplo mellor conservado (aínda que tardío) de mégaron: forma primitiva do templo dórico, con porche e dúas columnas in antis.  Nas súas paredas foron colocadas inscricións honorarias, que datan do século III a. C. en adiante entre as que destacan dous himnos a Apolo que se custodian no Museo de Delfos. Poderíase situar artisticamente no paso do arcaísmo ao estilo severo.

A decoración escultórica concentrábase nos frontóns (hoxe perdidos) e nas trinta métopas (restos das orixinais consérvanse no marabilloso museo arqueolóxico de Delfos) que tiñan por temas amazonomaquia (combate entre os atenienses a as amazonas que virían simbolizar recente vitoria sobre os persas)e as fazañas do heroe ateniense Teseo e de Herakles. Hoxe no seu lugar orixinal hai réplicas. 

Ata aquí o constatable posto que segundo a Wikipedia

Non hai acordo entre os arqueólogos sobre a realización destas métopas. Para Ernst Langlotz, algunhas, polo seu estilo, parecen anteriores ao 490 a. C., polo cal os investigadores franceses pensan que puido realizalas un equipo integrado por artistas anciáns e novos. Outros autores como Pomtow e Dismoor, opinan que tal vez Pausanias estaba confundido, e din que o tesouro debeu alzarse a finais do século VI a. C. para conmemorar algún outro acontecemento histórico, como quizá a vitoria de Atenas sobre a cidade eubea de Calcis (505 a. C.), ou ata antes, baixo Clístenes, o reformador da constitución ateniense trala caída dos Pisistrátidas en 510 a. C. 

A investigadora norteamericana Evelyn Harrison, propuxo para o tesouro e para as súas métopas o 500-490 a. C., o que significa que, do mesmo xeito que o Tesouro dos sifnios, o tesouro dos atenienses non se habería erixido para conmemorar unha vitoria ou algún outro acontecemento histórico, senón tan só para manifestar no sagrado recinto de Delfos a devoción e a riqueza da cidade que o doaba.

No hay comentarios: