14/11/16

O Guerreiro do Castro do Lesenho


Na exposición “Lusitania romana, origen de dos pueblos”  do Museo Arqueolóxico Nacional puiden contemplar unha das xoias da arqueoloxía lusa: o guerreiro do castro do Lesenho. Este guerreiro na súa réplica recibe ao visita no exterior do museo e, xa no interior, pódese contemplar o orixinal. Considero que non está exposto da mellor forma posible xa que a súa visión non pode ser completa… e xa que estou criticón… tampouco entende iso de “dos pueblos”. Pero en fin…

Esta figura foi atopada no século XVIII no Castro do Lesenho (Campos, Boticas) no norte de Portugal. Representa a un guerreiro galaico da Idade do Ferro realizada en granito e depositada, actualmente, no Museu de Arqueologia de Lisboa.

Forma parte dun conxunto de catro estatua guerreiras que constitúen o achádego máis importante realizado neste castro situado a máis de mil metro de altura. Segundo consta na súa ficha museística podería representar unha imaxe dunha divindade, dun heroe ou dun príncipe da civilización castrexa.

Nesta peza pódense apreciar as características destes guerreiros castrexos: figuras exentas con atributos militares que sostén unha caetra, empuñando unha espada curta e con xoias no brazo e no pescozo con vestimenta curta.